Este libro é unha recompilación de case un século de memoria musical das marchas procesionais interpretadas durante a Semana Maior de Viveiro. Un traballo necesario para non esquecer esa profunda interrelación pasada, presente e futura.
Segundo o dicionario da Real Academia Galega a paixón é un sentimento moi forte de atracción ou rexeitamento que perturba profundamente o ánimo e a razón, hai outra acepción, con maiúscula, que está relacionada de xeito exclusivo co martirio de Xesucristo, pero tamén pode ser unha composición musical baseada nos textos bíblicos sobre a Paixón relixiosa.
Certamente, a definición desta palabra polisémica abrangue o contido completo desta publicación sendo, polo tanto, moi acaído o seu título así como a idea de transmisión destes coñecementos tan ben amosados polos responsables da Banda municipal “O Landro” de Viveiro. Cómpre, entón, felicitar tanto aos autores como aos editores por apoiar e difundir esta parte do patrimonio cultural inmaterial da Semana Santa viveirense: a súa música.
Valorar e rescatar o son da Semana Santa debería ser un obxectivo a ter en conta dentro do devandito patrimonio inmaterial posto que se trata dunha parte imprescindible da celebración. Aínda que pertence aos nosos sentidos e lembranzas, non se materializara ou explicara do xeito que agora se presenta hic et nunc (aquí e agora) amósandose como un gran valor. Hai que destacar o labor de didáctica musical realizado, froito dun estudio rigoroso e dunha investigación concienciuda. Este coidado interese da Banda municipal por explicar o seu traballo divulgando os contidos musicais da Semana Santa de Viveiro, contribúe a enriquecer un legado cultural de seu, xa que logo beneficia a toda a cidadanía e inspira ás vindeiras xeracións a continuar apoiando unha tradición musical de compromiso e rigor centenaria.
Como colofón, hai que sinalar que a recuperación dos relatos históricos locais supón tamén a pervivencia e o recoñecemento das persoas que os protagonizaron e da comunidade que os impulsa e conserva.
Será un pracer para todos os lectores desta publicación, ver materializada a banda sonora orixinal da Semana Santa de Viveiro porque para conservar, valorar e transmitir este patrimono, hai que coñecelo.
Aurelia Balseiro García
© 2024 www.libroslar.com