Este libro mostra un mosaico de 30 capítulos referidos á música e a músicos ribadenses dos últimos dous séculos. Non se trata dunha historia da música seriada (que o autor xa abordou en libros anteriores) senón de incidir en novos aspectos de músicos, non de todo coñecidos, e da súa vinculación co entramado social de Ribadeo.
O libro tamén trata do labor de persoas que mesmo están comezando agora a súa prometedora andadura musical: póñense en relación cos seus mestres e mestras musicais, coa afección fomentada no seo das súas respectivas familias, co coñecido interese e melomanía dos ribadenses, e coa recepción e recoñecemento que van acadando na súa traxectoria profesional.
Non faltan no libro as anécdotas, o humor e o desenfado dentro dun tratamento rigoroso das trinta historias musicais.
-----
Carlos Álvarez Lebredo (Ribadeo, 1957) é filólogo de formación, profesor de Literatura e crítico literario.
Como escritor prodigouse máis no campo da Musicoloxía. Neste ámbito, ademais destas Historias con pentagramas, publicou estes libros:
- Cincuenta años de música en Ribadeo. Biografía musical de Carlos Álvarez y Fernández Cid, 1a e 2a ed. 2003.
- Música e Sociedade en Ribadeo (1900-2000), 2007.
E tamén preto de cen textos repartidos entre presentacións orais e artigos publicados no semanario La Comarca del Eo e diversas revistas e libros de autoría colectiva, especialmente referentes á música clásica.
© 2024 www.libroslar.com