Foise a treboada e veu a lúa chea do porco bravo.
Rematei, amodo, o que tiña que dicirvos no silencio.
Vin pasar, no cumio do monte, (maxestoso), o falcón no vento, lambendo coas ás a espiral, (ceibe), domeando, ao seu chou, o compás, navegando nos nubeiros, bicándoos, (solemne), ao pasar. Sacádelle, se queredes, adxectivos, tanto lle ten.
Foise do meu ollar alén, patrullando os eidos, (silandeiro).
No baño, onde se tendía a roupa, tamén se colgaban poemas en bandeirolas de oracións para os deuses, que pasaban pola fiestra e facíanas voltear, gráciles, sen miralas, remexendo as súas cores, miserentas, coa choiva e coa noite, murchándolle- lo berro.
Carautas, que agochan as distintas facianas da mesma mensaxe.
No peirao da cidade da fronteira, onde desembarcar é unha peripecia e a propaganda política asolaga as paredes dos corredores dos colexios, sigo abordo e as ratas xa abandonaron o barco polos cabos das amarras, facendo unha parada, maliciosa, no norai.
Os poderosos reparten a riqueza sobrante, non xustificábel, á súa comenencia para mercar vontades.
Polas fiestras da cova entra a luz amortecida, cando se pon o día ás seis do serán; derradeira claridade, que engaiolan as sombras para o feitizo dos soños. Claridade, que loita ata deixarse ir na penumbra.
O reflexo da lúa, e a luz amarela dos fachos, que colgan das casas da estrada, tremelican no río, cando cruzamos, da man a ponte, cara aos eidos da néboa.
© 2024 www.libroslar.com