Está a piques de presentar o libro que recolle a súa viaxe «Un nómada en bicicleta»
YOLANDA GARCÍA
FOZ / la voz 13/11/2018 05:00 h
Aínda que doutra maneira, más «estática», David Val Pena segue percorrendo o mundo na súa Quiscolina, a bici que o levou por diferentes recunchos do planeta e que foi a súa compañeira de viaxe durante trece meses. Unha viaxe que puidemos seguir ao tempo que o ciclista polas redes e a través do seu blogue, e despois en charlas, unha vez finalizada. Unha experiencia (exterior e interior tamén) que agora muda a libro: Un nómada en bicicleta. Pedaleando alrededor del mundo, editado por Lar Libros.
-É curiosa a edición do libro, porque certas páxinas son cuadriculadas, a modo de caderno.
-Si. É que realmente son dous libros nun. Vai o diario que fixen alternado con valoracións xerais da viaxe, consellos, a cuestión da muller, da relixión e do choque cultural no mundo, anécdotas, o porque, explicacións... para que a xente entenda, a nivel humano e de contraste cultural. É un libro que se pode ler de moitas maneiras: a modo para meterse na historia da viaxe en bici porque este é un medio que leva un ritmo lento, ou lelo por onde che apeteza, por certos países como Tailandia, Irán... Os capítulos van alternados para dar esa opción e que sexa fresca a lectura.
-A parte baseada no diario da viaxe, tivo que pulila despois?
-En gran medida, este libro foi escrito na viaxe, en quente. Ten esa enerxía, esa maxia especial. Ten a esencia de cada país [percorreu uns vinte en total].
-Agora que xa pasou tempo dende que rematou, como valora a viaxe que fixo?
-Penso que necesitaría máis tempo para valorala na súa medida. Coa presentación do libro e coas charlas, é como se todavía acabara de saír. Aínda non teño distancia.
-O feito de escribir e relatar a viaxe, tiña xa o obxectivo de divulgala e compartila con todos?
-Na viaxe levaba un diario de man no que escribía todo o que me pasaba, pero tamén no blogue, por Facebook, WhatsApp... Escribir era esencial. A pena que me quedou foi non ter compartida a viaxe dos colexios en directo. Quixera que houbera un Skype pero non o xestionei como debera. Eles son a nova xeración (...) Empecei a darme de conta de que era vital compartir a viaxe, dende que chamei á prensa, polas redes... para que se romperan os prexuízos que saen na tele sobre determinados países. A realidade está fóra; a realidade non é toda a que vemos dende o sofá. Por iso, compartir a viaxe era esencial. Simplemente, convertinme nun medio.
-Estaría disposto a repetila?
-Co tempo sempre volve apetecer facer algunha cousa. Esta viaxe foi dura física e psicoloxicamente. O título do libro di Un nómada en bicicleta; é dicir, vas co posto, necesitaba como inmigrante a axuda dos demais. Do que se venda, da parte miña dos dereitos de autor, vou destinala a algún colectivo. Esa vai ter fins benéficos. Con respecto ao futuro, quen sabe se volvo a viaxar... Sempre me quedou o de ir a Xapón. Si que me gustaría viaxar con máis tempo. E en compañía, que é distinto. Pero a primeira vez tiña que ser só, porque é a maneira de aprender, vas máis aberto e a empatía da xente é distinta se vas acompañado; a solidariedade non ten nada que ver.
-Vai haber máis presentacións que a de mañá en Foz?
-Si, pola Mariña, resto de Galicia e en Asturias, entre agora e a primavera. Como regalo de Nadal, este libro é unha recomendación. Tamén quero falar de Manolo de Lar, que empatizou comigo igual que a xente providencial que atopei nesta viaxe, viaxe que me levou a romper con todo.
DNI. Foz, 1972
A presentación. «Un nómada en bicicleta. Pedaleando alrededor del mundo» foi editado por Lar Libros e vaise presentar por toda Galicia. A David Val introdúceo Manuel López, de Lar, e o acto irá acompañado de proxección audiovisual da viaxe e charla-coloquio.
«Esta viaxe foi dura física e psicoloxicamente; vas co posto e necesitaba axuda»
«A realidade está fóra, a realidade non é dota a que vemos dende os nosos sofás»
«Sobre o futuro quen sabe se volvo a vixar... Sempre me quedou o de ir a Xapón»